Tamén busca continuar coa atención e impulso á formación e aos labores de I+D+i neste ámbito e impulsar a diferenciación e identificación nos mercados dos produtos desta actividade
A Xunta declara de interese público de primeira orde a acuicultura en Galicia. Así o acordou hoxe o Consello da Xunta co obxectivo de determinar a importancia desta actividade para Galicia, impulsar o seu valor e integrala na senda do futuro seguindo as directrices da Unión Europea. Esta declaración implica o apoio público preferente á acuicultura, que se desenvolverá de maneira sustentable nos ámbitos ambientais, económicos e sociais e supón un paso máis para desbloquear a parálise en que se encontraba esta actividade en Galicia.
Este apoio preferente prevé a necesaria articulación dun marco normativo e administrativo de desenvolvemento máis áxil e que proporcione un marco xurídico que dea firmeza aos investimentos empresariais. Neste sentido, para acadar a regularización definitiva da acuicultura, a Xunta traballa intensamente no Plan Director de Acuicultura de Galicia. Ademais, a través deste apoio darase continuidade á atención e impulso á formación e aos labores de I+D+i, mediante a diversificación de cultivos e especies, a mellora dos cultivos existentes, a busca de avances tecnolóxicos e o impulso á formación. O impulso da integración dos produtos xerados nas cadeas comerciais e de transformación, potenciando a súa diferenciación e identificación nos mercados é outro dos aspectos que complementa esta atención prioritaria á acuicultura.
Con esta medida búscase impulsar o emprego e a produción para atender os mercados internos europeos e a demanda de produtos mariños. Así, e tendo en conta a preocupación da UE polo escaso desenvolvemento da acuicultura, tamén se pretende que Galicia conserve e afiance o seu lugar punteiro en materia acuícola.
A Xunta procedeu a esta declaración tendo en conta o marco xeral produtivo e laboral da actividade marítimo-pesqueira e acuícola nos seus contextos mundiais e europeos e a súa afectación sobre a actividade desenvolvida en Galicia. Tamén tivo en consideración as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades que a acuicultura posúe a nivel galego e que estudou a través da realización dunha análise DAFO.
FUENTE: XUNTA DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario